jueves, 27 de octubre de 2016

A XUNTA PON EN MARCHA O OBSERVATORIO DA BIOMASA PARA IMPULSAR O DESENVOLVEMENTO E MODERNIZACIÓN DO SECTOR EN GALICIA


  - A páxina web, enmarcada dentro da Estratexia Galega de Impulso á Biomasa, convértese nun foro de encontro para identificar as vantaxes desta fonte de enerxía renovable e para que o sector poida desenvolver medidas eficaces que melloren a súa competitividade.
 
- Conta cun rexistro cos fabricantes, distribuidores e instaladores de caldeiras, e ofrece información actualizada sobre as liñas de axuda.
 
- Un simulador permite coñecer os investimentos necesarios para substituír as instalacións consumidoras de electricidade, gasóleo, fuelóleo, glp ou gas natural por biomasa, ademais de indicar os aforros económicos e enerxéticos que se poden lograr. 
 
- A biomasa é a enerxía de orixe autóctona máis empregada en Galicia, por diante doutros recursos naturais como o vento e a auga.
 
Santiago, 21 de setembro de 2016.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do  Instituto Enerxético de Galicia (Inega), pon en marcha o Observatorio da Biomasa, un portal web http://www.observatoriobiomasa.gal/gl no que se realiza un seguimento da actividade dos axentes que forman parte deste sector en Galicia co obxectivo principal de impulsar o seu desenvolvemento e modernización con fins enerxéticos.
 
Enmarcado dentro da Estratexia Galega de Impulso á Biomasa, coa que se pretende a substitución de fontes de calor baseadas en combustibles fósiles por esta enerxía renovable de orixe forestal, o Observatorio está concibido como un foro de encontro permanente, no que o sector, desde o punto de vista empresarial, tecnolóxico e laboral, identifica as súas fortalezas para desenvolver medidas eficaces para a mellora da súa competitividade e, por extensión, para a mellora do tecido industrial de Galicia.
 
Así, as principais funcións do Observatorio son o rexistro, localización e datos de contacto de fabricantes e distribuidores de pellets, achas e caldeiras, instaladores e mesmo instalacións existentes xa en funcionamento; o seguimento de prezos de combustibles e caldeiras; servir de soporte documental de informes técnicos e de difusión (proxectos, resultados, tecnoloxía e xornadas); ofrecer información actualizada sobre liñas de axuda no ámbito da biomasa; e amosar experiencias sobre instalacións de esta fonte de enerxía renovable para que os usuarios poidan buscar o equipamento desexado en función do sector (residencial, industrial ou público).
 
Ademais, a nova web conta cun simulador que permite coñecer os investimentos necesarios para substituír instalacións consumidoras de electricidade, gasóleo, fuelóleo, glp ou gas natural por biomasa; facilitando tamén os aforros económicos e enerxéticos potenciais da substitución e o seu período de retorno. Na plataforma tamén se incorpora información sobre eventos relacionados coa biomasa, tanto a nivel autonómico como estatal ou internacional.
 
O emprego da biomasa contribúe a aforrar custos, fixar emprego no rural e impulsar a defensa do medio ambiente, ao tempo que, a nivel industrial, axuda a mellorar a competitividade das empresas. Trátase da fonte enerxética de orixe galega máis utilizada na comunidade, por diante doutros recursos naturais como o vento e a auga. Ademais, Galicia reúne as condicións idóneas para o seu impulso, sendo unha potencia en materia forestal con 1,4 millóns de hectáreas de superficie arbórea, case a metade do territorio galego.

fuente: inega